A ficción e a poesía son dose, medicinas. O que curan é a ruptura que a realidade provoca na imaxinación.
Feríronme e unha parte moi importante de min fora destruída, esa era a miña realidade, os feitos da miña vida; pero alén dos feitos estaba quen eu podía ser, como me podía sentir, e mentres tivese palabras, imaxes, historias, non estaba perdida.

Jeanette Winterson, Por que ser feliz cando podes ser normal

viernes, 11 de julio de 2014

Pilar PALLARÉS


Se mañá non teño ganas de viver, 
será talvez que o tempo tocou fondo, 
que un neno ten a ollada esnaquizada, 
que cada un ten no peito un intanxível cárcere de seda.
Se mañá non teño ganas 
de ir tirando, 
non sei que vou facer contra tanta evidéncia. 
Será mellor abrir os ollos 
e non vé-lo, 
será mellor pendurar unha espada do teito 
e finxir que é unha axuda que me chega do ceu.
Despois, poderei mirar por unha fírgoa 
o lento paso dos vellos polas ruas, 
o paso rexo das mociñas airadas, 
o trote asubiante dos relóxios 
cando devala a tarde 
e cai o espanto. 
Non sei se serei quen para facé-lo.
Se mañá, por un azar, me fallase a esperanza 
e non fallase a vida o resultado 
deste fausto concurso de exiliados, 
deste previsto cortexo cara ao nada, 
non sei a que táctica ou deus me acollería 
senón à de esperar-te, 
senón à de liturxicamente convocar o teu nome, 
refugiar-me na calma dos teus xestos máis graves 
e enxergar na tua pel a festa que me queda.


No hay comentarios:

Publicar un comentario