A ficción e a poesía son dose, medicinas. O que curan é a ruptura que a realidade provoca na imaxinación.
Feríronme e unha parte moi importante de min fora destruída, esa era a miña realidade, os feitos da miña vida; pero alén dos feitos estaba quen eu podía ser, como me podía sentir, e mentres tivese palabras, imaxes, historias, non estaba perdida.

Jeanette Winterson, Por que ser feliz cando podes ser normal

sábado, 14 de mayo de 2016

PUNTA ARNELA (Modesto Fraga)



Lento bruar
as ondas asolagan a memoria
e descenden lentas
no aturuxo da tarde

Un acerbo ronsel
de escuma
coita a brisa

E só o silencio
-temeridade nosa-
é un devalar errante
onde se perde o norte
e o naufraxio
existe
(Mar de ausencias, 2009)

martes, 23 de febrero de 2016

Caxigueiro



hai un bosque de imaxes
onde medran os silencios

baixo as pólas
o murmurio das follas
fala das ausencias.

algunhas verdades non se ven
por falta de audiencia

mentres
os ladróns de soños
pasean impunes
coma sombras sen sol.
.....

colle a cebola
pásalle a navalla
e deixa caer as bágoas
así verás
que a tristura
non é de quen chora
senón de quen leva
as talladas no corazón.

....
debaixo do paraugas
todo é posible
cando a pedra escoita
e ti gozas
co canto das pucharcas.

....

pecho os ollos
e a túa voz
achégame as miñas perdas

a ti
a ese abeiro común
de amor e silencio.

sábado, 6 de febrero de 2016

Poemas a flor de pel (Carmen Muñoz)



Acordo no silencio de todas as miñas alboradas
acordo co doce sabor das túas palabras,
co canto das aves mariñas,
coa brisa do mar,co ouveo do vento
e coas pingas de auga
esvarando polo cristal.

Acordo sendo
o que nunca máis serei
porque en cada amencer renóvome
e as aves voltan prender o seu voo
e a brisa do mar é máis fresca
e o vento non ouvea senón que canta.

Acordo e todo pasa.
Todo pasa menos ti
que amences en min
cada mañá.


....
Dáme a tranquilidade das montañas
no medio da confusión!

Dáme a a doce melodía da auga
no medio da confusión!

E no medio da confusión
quero crecer
ata a estrela máis distante
e curtir no meu camiño
a inspiración da poesía
ou a beleza dunha flor.


.....
Cando as túas mans pinten de azul
os días grises de inverno,
arderá no lar do salón
un lume vivo e intenso.

Entón contareiche
o porqué desta melancolía,
dareiche a chave dos meus segredos
e adormecerás  no meu sorriso
e na calor do meu abrazo intenso.

Só ti saberás, meu amor,
o misteiro do meu silencio
cando as túas mans pinten de azul
os días grises de inverno.

.....


lunes, 2 de noviembre de 2015

Manolo Barreiro

Manolo Barreiro, que peitea os sesenta. A súa morada desde hai moito tempo son os bancos da praza de Galicia pontevedresa. Manolo foi condutor de autobuses na Coruña. Foi camioneiro. E foi feliz. Non esconde que lle levou á rúa: «A culpa só tena a miña mala cabeza», di. A partir de aí, mentres lea un cigarro con cabichas que el e un amigo recolleron do chan, fala das drogas e de como se enganchou «a todo». Leva o sorriso e a resignación posta. E ponse serio, só cando pensa nos seus fillos: «Dáme vergoña que saiban como estou e o que fago, iso avergóñame».
Fonte:MARÍA HERMIDApontevedra / a voz, 21 de febreiro de 2016
..................................................................................................................................................

OS OLLOS DAS PALABRAS- BALDO RAMOS


SORGA DE CAMIÑO

turra das palabras coa forza das bestas feridas.
o medo sorprendíanos furgando nos armarios da infancia.
baixan ríos de alcanfor polas gorxas da mudez.

o tempo era daquela
conciencia dunha voz que non doía,
mazairas grises e escuma de metralla.

fende a luz desta tarde
os ollos que aprenderon da néboa destilada nas cañotas
os segredos da cegueira.

tras do que escribes
agóchanse as ruínas da vella casa que respiraba nos veráns
os vapores do sabugo.

vou cara a desaparición cos ollos incenciados.

e o lume deixa un oco de cinza en cada verso que roubamos
á posesión do que nos nega a memoria.

....

seguín o rastro da voz que buscaba a saída.

atopei no camiño
casas habitadas polo esquecemento,
pobos sen historias que agromaban
nas pólas dun poema nunca escrito.

na vertical da amencida,
comprendín as limitacións da linguaxe.

pero xa estaba fóra.

a mudez dominou a paisaxe,
allea ao trazo que fundou un lugar
para acollernos na escrita.

dentro,
onde os corpos non senten a luz circular
nin as limitacións da linguaxe,
....

dentro.
onde a palabra sexa brasa acolledora.
impermeábel ao tacto.
transparente á cegueira.