A ficción e a poesía son dose, medicinas. O que curan é a ruptura que a realidade provoca na imaxinación.
Feríronme e unha parte moi importante de min fora destruída, esa era a miña realidade, os feitos da miña vida; pero alén dos feitos estaba quen eu podía ser, como me podía sentir, e mentres tivese palabras, imaxes, historias, non estaba perdida.

Jeanette Winterson, Por que ser feliz cando podes ser normal

domingo, 1 de noviembre de 2015

Prenderei a lareira-Vicente Reboleiro


As ferramentas

A PEDRA aguzadoira dorme
na calella de Ferramulín.
Soña cos tempos en que aguzaba os machados, as
                                                 fouces, o foucín...
Na corte dormen os rastros, os rodos, as cambelas...
Noutrora servían pra traballar as terras!
Loros, temoncelas desgastadas,
xugos, aixadas enferruxadas
que xa nas bouzas non cavan.
Non cantan os carros
nin se ouven as campás das vacas.

.....
                        A
                     meda
                  de   pera
             redonda fermosa
           a meda  das     airas
         dos     risos     das algas
          a meda de pera xeitosa
            a meda do Miguel

.....


Infancia

ERA un nino que andaba coas vacas.
paseniño ía con elas prós eidos.
unha vara na mao,
un soño no corazón.
Falaba con elas:
Guinda, Nubela, Caldela.
Mansiñas palabras agarimosa.
Era ese andar paseniño da miña infancia.

martes, 6 de octubre de 2015

O meu fillo




Quero debuxar un poema
e trazo lineas con ondas
e peixes saltando con total liberdade,
Na casa dos soños,
en algures deses soños ,
apareces sempre ti,
 ...
o tempo corre, voa,
non se detén,
ten armas para facer esquecementos
e ti,  sempre no meu corazón,
coma se acabases de nacer, fillo .

miércoles, 10 de septiembre de 2014

(Alvaro Cunqueiro)





Hai unha illa loubada
alá no fondal do mar.
Ten bois da color do tempo
e pastoras de cristal.
Ten un río de paxaros
que desemboca en canción.
Paxaros mornos de illa
con os seus niños no sol.
Ten lúa nova e crecente
i ollos pra decir ai lá!
A boca tena pechada
para vendimas de sal.
E ten un cabelo novo,
ai amor! qué pelo ten.
Cheiro profundo de alga
e sabor limo de mel.

Hai unha illa loubada
Alá no fondal do mar.
Navegada de luceiros
na noite nácelle o van.
               (Alvaro Cunqueiro)

domingo, 13 de julio de 2014

(Manuel Rivas)

O dente do Sol

Agora xa pasou.
Mira as medosas palabras
como volven, trenqueleantes
ao lobo da boca.
Xa vén Pedro
a baixar as pálpebras
dos nenos do país do río Grande.
A cambio do dente,
o ratiño deixará un tesouro
coa cabeza do rei.
O sangue do pano branco,
esa cereixa brava,
será a primeira letra do teu conto.

viernes, 11 de julio de 2014

Pilar PALLARÉS


Se mañá non teño ganas de viver, 
será talvez que o tempo tocou fondo, 
que un neno ten a ollada esnaquizada, 
que cada un ten no peito un intanxível cárcere de seda.
Se mañá non teño ganas 
de ir tirando, 
non sei que vou facer contra tanta evidéncia. 
Será mellor abrir os ollos 
e non vé-lo, 
será mellor pendurar unha espada do teito 
e finxir que é unha axuda que me chega do ceu.
Despois, poderei mirar por unha fírgoa 
o lento paso dos vellos polas ruas, 
o paso rexo das mociñas airadas, 
o trote asubiante dos relóxios 
cando devala a tarde 
e cai o espanto. 
Non sei se serei quen para facé-lo.
Se mañá, por un azar, me fallase a esperanza 
e non fallase a vida o resultado 
deste fausto concurso de exiliados, 
deste previsto cortexo cara ao nada, 
non sei a que táctica ou deus me acollería 
senón à de esperar-te, 
senón à de liturxicamente convocar o teu nome, 
refugiar-me na calma dos teus xestos máis graves 
e enxergar na tua pel a festa que me queda.


(Manuel Rodríguez Troncoso)


      



Unha estrela namorada

  De neno
vin unha estrela namorada,
calada
no teito do Ceo,
só con escintileos de amor.
Era do Luceiro,
non do Sol…
     Cando ninguén vía
dábanse unha aperta e un beixo,
de día
     Eu ben o sabía.

     E ás veces,
de noite,
cantáballe á lúa un rousinol
baixo o ceo de estrelas brancas
e azuis…
     A Lúa sorríalle de amor.