Acordo no silencio de todas as miñas alboradas
acordo co doce sabor das túas palabras,
co canto das aves mariñas,
coa brisa do mar,co ouveo do vento
e coas pingas de auga
esvarando polo cristal.
Acordo sendo
o que nunca máis serei
porque en cada amencer renóvome
e as aves voltan prender o seu voo
e a brisa do mar é máis fresca
e o vento non ouvea senón que canta.
Acordo e todo pasa.
Todo pasa menos ti
que amences en min
cada mañá.
....
Dáme a tranquilidade das montañas
no medio da confusión!
Dáme a a doce melodía da auga
no medio da confusión!
E no medio da confusión
quero crecer
ata a estrela máis distante
e curtir no meu camiño
a inspiración da poesía
ou a beleza dunha flor.
.....
Cando as túas mans pinten de azul
os días grises de inverno,
arderá no lar do salón
un lume vivo e intenso.
Entón contareiche
o porqué desta melancolía,
dareiche a chave dos meus segredos
e adormecerás no meu sorriso
e na calor do meu abrazo intenso.
Só ti saberás, meu amor,
o misteiro do meu silencio
cando as túas mans pinten de azul
os días grises de inverno.
.....
Graciñas a ti por todos eses poemas
ResponderEliminar