A ficción e a poesía son dose, medicinas. O que curan é a ruptura que a realidade provoca na imaxinación.
Feríronme e unha parte moi importante de min fora destruída, esa era a miña realidade, os feitos da miña vida; pero alén dos feitos estaba quen eu podía ser, como me podía sentir, e mentres tivese palabras, imaxes, historias, non estaba perdida.

Jeanette Winterson, Por que ser feliz cando podes ser normal

lunes, 2 de noviembre de 2015

OS OLLOS DAS PALABRAS- BALDO RAMOS


SORGA DE CAMIÑO

turra das palabras coa forza das bestas feridas.
o medo sorprendíanos furgando nos armarios da infancia.
baixan ríos de alcanfor polas gorxas da mudez.

o tempo era daquela
conciencia dunha voz que non doía,
mazairas grises e escuma de metralla.

fende a luz desta tarde
os ollos que aprenderon da néboa destilada nas cañotas
os segredos da cegueira.

tras do que escribes
agóchanse as ruínas da vella casa que respiraba nos veráns
os vapores do sabugo.

vou cara a desaparición cos ollos incenciados.

e o lume deixa un oco de cinza en cada verso que roubamos
á posesión do que nos nega a memoria.

....

seguín o rastro da voz que buscaba a saída.

atopei no camiño
casas habitadas polo esquecemento,
pobos sen historias que agromaban
nas pólas dun poema nunca escrito.

na vertical da amencida,
comprendín as limitacións da linguaxe.

pero xa estaba fóra.

a mudez dominou a paisaxe,
allea ao trazo que fundou un lugar
para acollernos na escrita.

dentro,
onde os corpos non senten a luz circular
nin as limitacións da linguaxe,
....

dentro.
onde a palabra sexa brasa acolledora.
impermeábel ao tacto.
transparente á cegueira.  

No hay comentarios:

Publicar un comentario