A ficción e a poesía son dose, medicinas. O que curan é a ruptura que a realidade provoca na imaxinación.
Feríronme e unha parte moi importante de min fora destruída, esa era a miña realidade, os feitos da miña vida; pero alén dos feitos estaba quen eu podía ser, como me podía sentir, e mentres tivese palabras, imaxes, historias, non estaba perdida.

Jeanette Winterson, Por que ser feliz cando podes ser normal

jueves, 10 de abril de 2014

(Pilar Pallarés)



Fabuliña do Vento

Vento, chora, zosca, brua
por enriba e por embaixo
por aló e acolá.
Zoa, vento rebuldeiro,
remexe ben nos tellados,
entra nos vellos faiados,
róuballe as puchas á xente.
Non andes con  requiloiros,
brinca, esmaga, dá trallazos,
fai que canten os axóuxeres,
fai que esperten as arelas,
                        os ancéios,
                        os desexos
da xustiza,
da verdá
da liberdá.

Liscou o vento de súpeto,
xa non fixo máis trasnadas,
foise rindo polas chairas,
rindo a cachón polos montes.
Quedou a terra revolta.
Quedou sen acougo o home.
Ten no peito unha inquedanza,
ten na boca un mar de estrelas,
bulíganlle polas mans
margaridas e avelairas,
unha pomba fixo o niño
na sua orella direita.
Anda a semente do vento

a dar froito pola terra.

No hay comentarios:

Publicar un comentario